16/12/08

O TEMPO DO APALPADOR


Moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus viñese importado dende outras latitudes, en Galiza tamén había unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Mais nestes tempos de présa e consumo, o persoeiro autóctono ficou no esquecemento. Este ano dende a asociación A Gentalha do Pichel (Compostela) están a difundir a súa figura. O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesa das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladiñamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben alimentados. Logo de desexarlle que no ano vindeiro non pasasen máis fame, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes. A tradición, recollida por José André López González nas comarcas do Courel e do Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Crese que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

NOVO DISCO DE MILLADOIRO

O novo disco presenta a conxugación musical conxunta de Galicia e Portugal collendo como inspiración os amores de Don Pedro de Portugal e Dona Inés de Castro, galega que foi raíña de Portugal despois de morta. O disco, editado pola discográfica PAI Música dirixida por Segundo Grandío, xurde das sinerxias entre a produtora do grupo, Cormorán, e o Eixo Atlántico. Este disco fai o número vinte e tres da historia do grupo máis importante da música folk galega e coincide coa saída do disco ensolitario do seu arpista Roi Casal. Os oito temas de A Quinta das Lágrimas van desde o medioevo representado polas Cantigas de Alfonso X ata a o contemporáneos José Afonso os poemas de Manuel Antonio, Cunqueiro ou Pessoa pasando polo folclore popular das dúas beiras do Miño.

9/12/08