16/12/08

O TEMPO DO APALPADOR


Moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus viñese importado dende outras latitudes, en Galiza tamén había unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Mais nestes tempos de présa e consumo, o persoeiro autóctono ficou no esquecemento. Este ano dende a asociación A Gentalha do Pichel (Compostela) están a difundir a súa figura. O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesa das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladiñamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben alimentados. Logo de desexarlle que no ano vindeiro non pasasen máis fame, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes. A tradición, recollida por José André López González nas comarcas do Courel e do Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Crese que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

NOVO DISCO DE MILLADOIRO

O novo disco presenta a conxugación musical conxunta de Galicia e Portugal collendo como inspiración os amores de Don Pedro de Portugal e Dona Inés de Castro, galega que foi raíña de Portugal despois de morta. O disco, editado pola discográfica PAI Música dirixida por Segundo Grandío, xurde das sinerxias entre a produtora do grupo, Cormorán, e o Eixo Atlántico. Este disco fai o número vinte e tres da historia do grupo máis importante da música folk galega e coincide coa saída do disco ensolitario do seu arpista Roi Casal. Os oito temas de A Quinta das Lágrimas van desde o medioevo representado polas Cantigas de Alfonso X ata a o contemporáneos José Afonso os poemas de Manuel Antonio, Cunqueiro ou Pessoa pasando polo folclore popular das dúas beiras do Miño.

9/12/08

5/10/08

Fuxan Os Ventos no Auditorio de Galicia

Terra do soños, o espectáculo que Fuxan os Ventos levará ao Auditorio de Galiza os próximos 18 e 19 de outubro e que suporá o regreso aos escenarios do senlleiro grupo galego tras case dúas décadas, contará coas colaboracións de Guadi Galego (Berrogüetto, Nordestinas), Mercedes Peón, Xabier Díaz (Berrogüetto, Nova Galega de Danza), Uxía, Rodrigo Romaní (Milladorio, Lizgairo), Pepe Ferreirós (Milladoiro), a compañía Nova Galega de Danza, Miguel Lustres e Sabela. Xunto con todos eles, o grupo reinterpretará os temas máis emblemáticos do grupo dende unha visión renovada, xa que, amáis das colaboracións mencionadas, Fuxan os Ventos contará co acompañamento dunha banda dirixida por Xosé Lois Romero, artífice tamén dos arranxos instrumentais para este proxecto. Nesa banda atoparanse, ademáis do próprio Xosé Lois Romero ao acordeón, o cuarteto de corda Savia Nova, Simón García ao contrabaixo, Roi Adrio ás percusións, Guillermo Fernández á guitarra e Benjamín Otero ao oboe. As entradas custan 20€. 10€ Estudantes e xubilados. Poden adquirirse no web de Caixa Galicia ou no 902 434443, así como na billeteira do Auditorio nos días previos.
(extraido de culturagalega.org mega)

24/5/08

Volve Projecto Mourente

Como xa fixeran anteriormente co disco de Fanny +Alexander a plataforma A Regueifa edita, ao mesmo tempo, na rede e en formato CD o novo disco de Projecto Mourente, "Kara.o.ke". Despois do éxito de difusión que tivo co disco “Baixo os eucaliptos”, a proposta musical de Carlos Valcárcel, xa instalado no panorama musical, abriuse neste traballo á participación de outros músicos e colaboradores sen renunciar ao seu principio fundacional de facer pop electrónico caseiro enfocado como un entretemento. Desde estes fundamentos acompañan a Carlos Valcárcel Martin Wu (The Homens) e Noel Feáns (Fanny & Alexander) tocando guitarras, Xan Vázquez nos coros e Yolanda Valcárcel como voz adicional. Previamente á saída do disco adiantouse na rede o videoclip da canción “Os piores inimigos”. Os 10 novos temas veñen acompañados, ademais, dos remixes feitos por Cable, Fanny & Alexander e Colectivo Oruga e de unha versión do hit de The Homens "Non podo máis". Como é habitual A Regueifa edita o disco baixo licenza Creative Commons 2.5 xenérica.

22/4/08

Xigantes do rock

Unha ducia de cancións enchen “Xigantes”,
sexto disco da carreira da banda compostelá, e do que se amosan máis satisfeitos do son conseguido. Acompañado por membros da banda, Jose Patiño da discográfica PAI Música presentou en Santiago o novo disco dos Ruxe-ruxe e reivindicou para eles a categoría clara de banda de rock and roll por riba de outras etiquetas. Segundo o vocalista Vituco Neira “Xigantes” é un disco de rock cun son achegado aos clásicos dos sesenta e setenta que ten “moito respecto pola música tradicional”, da que seguen collendo músicas prestadas. O disco, que inclúe una pista co videoclip da canción “Xigantes”, foi gravado en Casa de Tolos e producido por Segundo Grandío e pola propia banda. Con doce anos de traxectoria os Ruxe-ruxe entenden que gravar un disco entra dentro do proceso normal do seu estilo de vida que consiste na satisfacción de “facer música”. Co disco novo baixo o brazo o grupo iniciará una xira por todo o Estado.

7/4/08

Novo disco de Lamatumbá

[Lamatumbá está de novo de actualidade coa súa nova proposta discográfica "Paraugas Universal" (PAI-Música 2008). Logo de máis de dous anos de xira ininterrumpida desde o lanzamento da súa anterior gravación e da man nesta ocasión de Segundo Grandío, novo produtor da banda, a formación ourensá escolleu desta vez os estudios de Casa de Tolos para darlle forma ao seu novo traballo discográfico.

"Paraugas Universal" estará dispoñible en toda Galiza a partires do próximo 18 de Abril e como adiante presenten o seu novo videoclip, "Camiños".]

Extraído da revista galega de música SONO-TONE


15/2/08

Telémaco. Viaxe ó centro da terra.

O dúo formado por Álvaro Pardo e Miguel Rulos, baixo os seus nomes artísticos Dr.Think e Mike Rolling, presentan o seu segundo traballo, "Terra" (Con un par Recordings) na Sala Babel de Lugo. Co seu primeiro traballo "Outótono" (Falcatruada, 2005) percorreron gran parte de América latina e toda España.

Agora co seu novo disco auto producido queren transmitir unha mensaxe telúrica de comunicación co planeta chea de sons e ambientes de "hip-jazz", "ambient" e "groove". Telémaco ofrécennos unha sesión construída a modo de viaxe ao centro da terra e articulada en tres partes: codia, manto e núcleo seguindo a senda aberta por Xulio Verne.

22/1/08

Luar Na Lubre "Os animais"

Do seu novo disco "Os camiños da fin da terra" destaca este tema-single que nos obriga a pensar por que cadra co grupo e coa música folk esta canción da Arca de Noé. Na súa orixe é unha canción tradicional irlandesa que narra o viaxe da arca durante o diluvio universal, barca que como todos sabemos acaba varando na praia de Noia. Novo disco onde o discurso (coro masculino-voz feminina) se repite constantemente ondeando, a modo de himno, cánticos ledos e cheos de forza.